Wednesday 24 de April de 2024

Ángeles Vázquez espera que co arranque das Escolas de Río se afiance a desexada remuda xeracional na pesca fluvial


― A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda destaca que a mocidade galega ten en David Arcay un referente para a práctica da pesca sostible en Galicia

― Recorda que a Xunta instaurou outras dúas medidas para fomentar o relevo xeracional: os menores de 14 anos non precisan licenza e os menores de idade teñen permisos gratuítos para a pesca sen morte

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, augura que co arranque e posta en funcionamento das primeiras escolas de río en Galicia se afiance o desexado relevo xeracional na pesca fluvial.

A conselleira de Medio Ambiente –acompañada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luís López, visitou esta mañá o IES de Cotobade onde participou nunha actividade para fomentar os valores medioambientais asociados á práctica da pesca, dirixida por David Arcay. Recordou que a creación destes foros foi unha das principais medidas que recolle a Lei de pesca fluvial de Galicia para achegar aos máis novos á pesca e non romper a cadea e manter o número de pescadores. A conselleira destacou que os pescadores son unha peza importante e imprescindible no coidado e conservación dos ríos e dos espazos naturais que atravesan ao longo do seu curso.

Afirmou que a mocidade galega ten por diante unha gran responsabilidade, por iso deben contar coa mellor formación e coñecemento para acada co maior dos éxitos o cometido que hoxe lles deixamos en herdanza.

Nese sentido, salientou a traxectoria e experiencia de David Arcay, campión do mundo de pesca con mosca, un referente para todos os pescadores e sobre todo un defensor do modelo de pesca sostible, que deu bos consellos aos mozos á hora de manipular os peixes e devolvelos a auga en condicións óptimas.

Así, grazas á posta en marcha das escolas de río –que se activarán a través de convenios coas entidades colaboradoras e a Federación Galega de Pesca- poderán coñecer os ecosistemas acuáticos, a fauna e flora destas áreas, así como protexer os ríos galegos como fonte de vida e sinal de identidade de Galicia.

Nese sentido, David Arcay asegurou que as escolas de río son necesarias para asegurar non só o futuro dos ríos, senón tamén deste deporte; polo que representan unha boa ferramenta.

A conselleira recoñeceu que a natureza pode subsistir sen nós, pero as persoas non podemos subsistir sen ela; por iso a Xunta aposta polo fomento da formación e a educación da mocidade, no marco da Estratexia galega de educación ambiental, para propiciar a formación e participación dos máis novos.

Vázquez Mejuto salientou que outras medidas, ademais das escolas de río, para achegar aos mozos á pesca é que os rapaces de ata 14 anos poderán practicar a pesca sen sacar a licenza e todos os menores de idade quedan exentos do pago das taxas, así como permisos gratuítos para a práctica de pesca sen morte; unhas medidas que benefician a máis de 11.000 pescadores nesta tempada.

Por último, a conselleira invitou aos mozos a practicar este deporte para coidar a 30.000 quilómetros de rios e unha ampla rede de encoros, así como coñecer o patrimonio fluvial que atesouran.